Escoitar

Castrillo pide que Fomento explique na Comisión de seguimento do AVE o seu proxecto para o enlace Ourense-Vigo

O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, reclamou a urxente reunión da Comisión Especial de seguimento dos proxectos de Alta Velocidade para coñecer cales son os plans do Ministerio de Fomento para a conexión ferroviaria de Vigo con Ourense. Castrillo reclama seriedade ante as confusas e contradictorias declaracións realizadas nos últimos días por distintos responsables da Xunta e do Goberno central e considera que Fomento debe render contas do seu traballo ante a Comisión que se creou o 17 de xaneiro de 2002 para supervisar os proxectos do AVE.

mércores, 14 mai 2003
O alcalde vigués lembra que a Comisión foi creada precisamente para consensuar os proxectos de construcción da rede de Alta Velocidade e que ao acto de constitución asistiron o Secretario de Estado de Infraestructuras e o entón Conselleiro de Política Territorial. A Comisión non se volveu reunir, polo que o Concello de Vigo descoñece totalmente cales son os plans do Ministerio para o enlace ferroviario Vigo-Ourense.

Castrillo cre que a Comisión é o lugar onde se debe debater o trazado da conexión ferroviaria entre Vigo e Ourense, as súas características e os prazos de execución. O alcalde reclama que se den a coñecer dunha vez os estudios sobre o trazado, se é certo que Fomento os está realizando, para resolver todas as dúbidas que existen na actualidade sobre as verdadeiras intencións do Goberno central.

Por outra parte, Castrillo pediu tamén que o Goberno reconduza o Plan Galicia dándolle a oportunidade aos Concellos e axentes sociais de determinar cales son os investimentos máis apropiados para relanzar a economía galega. O alcalde de Vigo asegura que nin as administracións locais nin empresarios e sindicatos foron escoitados á hora e elaborar o Plan, o que provoca por exemplo que non se aproveiten as axudas planificadas, como recoñece o propio Conselleiro de Economía, ou que as prioridades marcadas polo Goberno non coincidan coas das comarcas que deberían beneficiarse do Plan.