Escoitar

Caballero di que que a Semana do Atlántico "inunda Vigo de vela e de sabor a mar"

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, aplaudiu o espírito transfronteirizo e colaborador da Semana do Atlántico Cidade de Vigo, un dos grandes eventos de vela lixeira da península ibérica, e ofreceu todo o seu apoio ao Real Club Náutico de Vigo, organizador da parte galega da serie de regatas en Vigo e Viana do Castelo.

mércores, 23 out 2019
1571846214231019SemanaAtlantico02.JPG
A Semana do Atlántico, que se disputa en dúas fins de semana (dende este venres ao domingo 27 e do 1 ao 3 de novembro), reunirá a máis de 350 barcos de sete países na Ría de Vigo entre as clases Vaurien, Láser, 420, Snipe e Optimist, sendo a maior flota a de novembro, que competirá polo Meeting Internacional Cidade de Vigo de Optimist.

O rexedor, que estivo acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, na presentación do evento no Salón Nobre do Real Club Náutico de Vigo, subliñou na súa intervención que "Vigo é berce de navegantes", valorou este evento como unha proba "notable e importante" e incidiu "no que significa para a vela" a Semana do Atlántico. Caballero celebrou a "amizade imperecedoira" con Viana do Castelo e recoñeceu ás dúas cidades, figuradamente, "como parte dun mesmo territorio" con esta aposta deportiva de Optimist en Vigo (1-3 de novembro) e en Portugal (25-27 de outubro) que dará un campión final. Ademais, aplaudiu a entrada do Grupo Nueva Pescanova no patrocinio da regata e explicou que a Semana do Atlántico "é o xeito de inundar Vigo de vela e de sabor a mar".

Así, participantes de sete países (Italia, España, Portugal, India, Sudáfrica, Letonia e Estonia) competirán na Ría de Vigo desde este venres ao 3 de novembro. Dende este venres ao domingo 27 entrarán en liza a Copa de España de Vaurien, os Láser (4.7, Radial e Standard), os Snipe e os 420 en Vigo e os Optimist en Viana do Castelo. O segundo ciclo, do 1 ao 3 de novembro, será enteiramente para o protagonismo dos Optimist, pois o Meeting Internacional Cidade de Vigo copará os tres días de regatas.
1571846214231019SemanaAtlantico02.JPG
1571846221231019SemanaAtlantico.JPG
Descargar todas as imaxes