Vigo eleva un 8,5% as súas pernoctacións en agosto e volve superar o seu teito histórico

O alcalde trasladou este martes os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) correspondentes ao turismo en Vigo en agosto. A cidade rexistrou o pasado mes 122.657 pernoctacións, un 8,5% máis que en agosto do pasado ano, o mellor agosto desde que existen rexistros no INE.

martes, 24 set 2019
En rolda de prensa, Abel Caballero informou dos datos turísticos do INE correspondentes ao pasado mes de agosto. Vigo elevou un 8,5% as súas pernoctas con respecto ao mesmo mes de 2018, superando as 122.000 noites. Especialmente significativo é o dato correspondente ao turista nacional, cuxas pernoctas subiron un 20%. O deste ano é o mellor mes de agosto desde que existen rexistros do Instituto Nacional de Estatística.

No acumulado do ano, engadiu o alcalde, a cidade de Vigo roza as 630.000 pernoctacións, un 12,3% máis que nos oito primeiros meses de 2018. Por último, o grao de ocupación por habitación elevouse en agosto un 11,5% con respecto ao mesmo mes do ano pasado, sendo de novo o mellor dato histórico rexistrado polo Instituto Nacional de Estatística.