Escoitar

Vigo pide primar a proximidade a colexios na adscrición de alumnos e esixe un instituto en Navia

A moción foi presentada polo grupo de goberno encabezado por Abel Caballero e conseguiu o apoio unánime do Pleno. Así, a Corporación insta á Xunta de Galicia a primar os criterios de proximidade na adscrición de alumnos a centros educativos e a que comprometa un instituto para Navia, para o que o Concello de Vigo cedería o solo.

mércores, 24 abr 2019
O grupo socialista presentou este acordo, apoiado polos corporativos dos grupos de Marea e do PP, que expón que a ANPA do colexio Rodríguez Castelao, en Navia, "continúa demandando da Xunta de Galicia o cambio da zonificación escolar primando os criterios de proximidade na adscrición de centros, á vez que demandan a construción dun instituto" no populoso barrio vigués.

O Concello presentou unha alegación do plan parcial autonómico demandando "compromiso" da Xunta de Galicia para erixir un centro de ensino secundario en Navia. Hoxe mércores o grupo socialista promoveu un acordo plenario, aprobado por unanimidade, instando á Xunta de Galicia a "comprometer a execución do instituto de Navia", incorporando "esta actuación nos plans de investimento educativo e nos orzamentos autonómicos, de tal xeito que esta dotación pública sexa a primeira parcela licitada, adxudicada e executada do plan parcial de Navia".

Un seguinte punto do acordo adoptado indica que o goberno de Vigo "reservará parte da dotación pública municipal do plan parcial de Navia para a execución do instituto de Navia que, unha vez adscritos o Concello, serán cedidos á Xunta de Galicia co fin de materializar esta dotación".

Ademais, o Pleno insta "á Xunta de Galicia a primar os criterios de proximidade na adscrición de alumnos a centros para todos os niveis de ensino".