Escoitar

O Concello reclama da Xunta investimento en investigación e cultura para Vigo

A moción foi presentada polo grupo socialista no Pleno e saíu adiante co apoio de Marea e os votos en contra do PP. O acordo aprobado este mércores insta ao goberno autonómico a investir na cidade "a mesma cantidade que o presidente da Xunta di ‘aforrar’ na Cidade da Cultura, de xeito que se dote de infraestruturas de investigación e culturais á cidade máis poboada de Galicia: Vigo".

mércores, 24 abr 2019
Segundo indica a moción presentada na súa exposición de motivos, o presidente da Xunta anunciou a aprobación dun convenio para trasladar o Instituto de Ciencias del Patrimonio (Incipit) á Cidade da Cultura, onde haberá tamén un Observatorio sobre o Camiño de Santiago, a Axencia de Calidade do Sistema Universitario de Galicia e o Consorcio Interuniversitario de Galicia.

Isto suporá un aforro de 15 millóns de euros para as arcas da facenda pública autonómica, cantidade -continúa a moción- que "non se adica ás necesidades educativas, culturais ou de investigación que temos os galegos e especialmente os vigueses". Así, o acordo adoptado e aprobado hoxe mércores polos concelleiros da Corporación viguesa insta á Xunta de Galicia a investir "en Vigo a mesma cantidade de diñeiro que o presidenta da Xunta de Galicia di ‘aforrar’ na Cidade da Cultura, de xeito que se dote de infraestruturas de investigación e culturais á cidade máis poboada de Galicia: Vigo".