Escoitar

O XV Congreso da Sociedade Española de Obesidade reunirá esta semana en Vigo a case 500 expertos

A obesidade infantil, os novos tratamentos e a dieta Atlántica serán os temas centrais do encontro, presentado este luns en rolda de prensa coa participación do concelleiro Cayetano Rodríguez Escudero.

luns, 11 mar 2019
1552320692110319CayetanoCongreso.JPG
A Sociedade Española de Obesidade (SEEDO-SEO) elixiu Vigo como sede da décimo quinta edición do seu Congreso anual no que reunirá, desde este mércores e ata o venres, a preto de 500 expertos nacionais e internacionais para debater sobre retos e avances en obesidade.

A obesidade infantil, a importancia da actividade física e o deporte como medidas preventivas e a dieta Atlántica serán temas clave do encontro, que se presentou esta mañá coa presenza do concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez, acompañado polo presidente do Comité Científico do Congreso, Felipe Casanueva, e polo presidente do Comité Organizador, Federico Mallo, que é catedrático de Fisioloxía e Endocrinoloxía da Universidade de Vigo.

Cayetano Rodríguez agradeceu a esta institución a elección de Vigo e asegurou que este congreso "aumentará o noso compromiso coa abordaxe da obesidade". De feito, no marco do Congreso darase a coñecer o premio SEEDO-SEO/FEMP Municipio Saudable 2019 que convocaron ambas entidades para poñer en valor as iniciativas locais que contribúen a frear a obesidade. "No momento actual a obesidade xa non podemos combatela sós os médicos; son os colexios e os concellos os máis importantes para poñer freo a esta grave epidemia", advertiron os expertos, que alertan de que a obesidade xa afecta ao 25% da poboación adulta e a entre o 15-18% dos nenos.

Ao longo destes tres días, programáronse máis dunha trintena de sesións que engloban conferencias, mesas redondas, comunicacións orais e sesións poster que terán lugar na sede de Afundación.
Descargar todas as imaxes