Escoitar

O goberno de Vigo destina 700.000 euros á creación dunha "gran zona verde" en Candeán

A Xunta de Goberno Local deu luz verde tamén á quinta fase de humanización da rúa Aragón coa que conclúe a obra de renovación do vial que, segundo explicou o alcalde, supuxo un investimento de 7 millóns de euros.

luns, 26 nov 2018
1543238255261118AlcaldeRueda.JPG
O goberno municipal ultima a recuperación da zona verde situada sobre o falso túnel da AP9 na parroquia de Candeán coa aprobación do proxecto que conta cun orzamento base de licitación de máis de 700.000 euros. Abel Caballero explicou que se acondicionará o lugar para transformalo nunha "gran zona verde", con aparcamento, con zonas para actividades festivas e pradeira, en definitiva, "unha zona de utilización cidadá nun espazo que ata agora era o teito dunha autoestrada. Imos cambialo por unha zona de atracción cidadá".

A Xunta de Goberno Local aprobou tamén a clasificación de ofertas para a contratación das obras de humanización da rúa Aragón fase V, desde Travesía de Vigo á rúa Padre Celso, cun orzamento de máis dun millón de euros e actuacións en case medio quilómetro. Segundo expuxo o alcalde, con esta fase conclúe a humanización de toda a rúa Aragón, "historicamente esquecida na cidade e que agora humanizamos na súa totalidade". As obras supoñerán a creación de zona verde, a renovación do saneamento, o abastecemento, as beirarrúas e os asfaltados. O conxunto das actuacións en toda a rúa suman 7 millóns de euros que Caballero traduce en "dignidade para xente digna".

Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación da contratación do subministro de material e alugueiro de maquinaria para as obras a realizar nos colexios de educación infantil e primaria polo programa Vigoemprega, cun importe total de 187.000 euros. As actuacións enmárcanse dentro do proxecto "Vigo Vertical" estratexia DUSI, cofinanciado por fondos FEDER.

Quedou aprobada tamén a clasificación de ofertas para a contratación da terceira fase da humanización da rúa Gregorio Espino cun presuposto de 1.412.000 euros e un prazo de execución de 9 meses. A obra comprende a humanización de Gregorio Espino entre as rúas Urzáiz e Jenaro de la Fuente, e entre San Roque e as rúas Aguia e Reiseñor. Caballero salientou que este orzamento, sumado ás fases anteriores xa executadas, ascenden a 2,3 millóns dedicados á humanización de Gregorio Espino.
Descargar todas as imaxes