Escoitar

O Concello aproba a rehabilitación dun dos edificios "máis fermosos" do Casco Vello vigués

O goberno de Vigo dará esta semana luz verde á rehabilitación do edificio situado no número 16 da rúa Abeleira Méndez, no Casco Vello Alto. Ademais, a Xerencia de Urbanismo tamén aprobará o contrato de obras da segunda fase da urbanización do PERI de San Roque, así como o rexistro de solares abandonados para a súa poxa. <br />

martes, 20 nov 2018
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este martes en rolda de prensa de que a Xerencia de Urbanismo aprobará este xoves a licencia de rehabilitación dun dos edificios urbanos de tipoloxía tradicional "máis fermosos do centro histórico vigués".

O rexedor explicou que o edificio situado no número 16 de de Abeleira Menéndez é unha vivenda construída no século XVIII. Incluida no catálogo de edificacións e no Plan Especial de Protección do Casco Vello, o orzamento da obra é de 175.000 euros.

O edificio foi adquirido en decembro de 2017 polo Consorcio Casco Vello de Vigo e a reforma será para dúas plantas con vivendas e local comercial en planta baixa cunha superficie total de 189 metros cadrados.

Rexistro solares
Ademais, o alcalde sinalou que o vindeiro xoves tamén vaise dar luz verde á aprobación inicial do primeiro programa de edificación forzosa do Concello de Vigo coa inscrición de parcelas no rexistro de solares.

Caballero lembrou na rolda de prensa que o Concello xa dispón dun listado previo no que figuran 26 parcelas do Casco Vello, Bouzas e Ensanche que son susceptibles de entrar no rexistro de soares abandonados que se creará co programa municipal de edificación forzosa.

Barrio Ribadavia
O rexedor tamén informou da aprobación na Xerencia de Urbanismo do contrato de obras da segunda fase da urbanización do barrio de Ribadavia para a reforma das rúas Calzas e Forno cun orzamento de uns 250.000 euros.

Tamén sinalou que a primeira fase, cun importe próximo tamén aos 250.000, euros xa foron reformadas a 1ª e 2ª travesía do barrio, ademais da rúa Churrera e da ampliación do tramo da rúa Barrio de Ribadavia.

Segundo explicou Caballero, a todas estas actuacións hai que sumar a humanización da rúa (fase 1) entre a Praza Isabel Católica e a rúa Couto Piñeiro cun investimento próximo ao medio millón de euros.