Escoitar

A Sala dos Peiraos acolle o ciclo "Malas artes"

A primeira das mostras trata sobre o deseño de obxectos e titúlase "Prototipos". Permanecerá aberta ata o 4 de maio.

venres, 11 abr 2003
1050058944malas.jpg
Cartel do ciclo
A serie de seis exposicións propostas para a Sala dos Peiraos de Vigo artelladas todas elas ao redor do título de "Malas artes", baséanse nunha proposta específica e de tese que o comisario da mostra pretende investigar e analizar xunto cos artistas e o público nunhas exposicións debate e investigación.

"Non se trata endexamais de meras exposicións colectivas dunha manchea de nomes de artistas mozos, senón que todas elas nacen da resposta específica que as artes plásticas e os artistas lles dan ás cuestións xurdidas e plantexadas pola curadoría, de modo que as exposicións significan en canto que son un conxunto e un constructo ideolóxico coherente e cohesionado, nunca como lucimento de individualidades xeniais e excluíntes", explicou o comisario Xosé Buxán.

O comisario quere facer reflexionar á sociedade e aos artistas en torno ao deseño (téxtil ou de obxectos), en torno ás verbas como mundo de resoancias culturais; ao redor das máquinas e aos trebellos como materia plástica; entorno ao xénero e á identidade sexual que nos impregna e sobre a arquitectura que nos acolle. E quere dilucidar esas cuestións de actualidade coas respostas específicas dos artistas máis novos para confeccionar unha suma que é unha integración de discursos, que se converte nun pano intelectual entretecido de respostas frescas e orixinais, tamén de preguntas que vencellan ineludiblemente á arte coa sociedade e coa política, co entorno e coa cultura.

Nesta primeira exposición de "Malas artes" trátase o mundo do deseño de obxectos e de aí o título de "Prototipos".

Participantes

NATALIA MARTÍN LAGO/ cun percheiro de peluche

LAURA MARTÍN ÁLVAREZ/ cunha cadeira abrigo de lá

RAFAEL ITURRIAGA/ cunha papeleira de xornais

ERNESTO GONZÁLEZ TORTEROLO/ cunha mesa chea de sobres de cores

CAMILO RODRÍGUEZ VIDAL/ cunha librería alforxa

SARA VAQUERO/ cun portacepillos con forma de becho

OLALLA RODRÍGUEZ FRANCO/ cunha lámpada espello de raiolas de luz

BEGOÑA RODRÍGUEZ/ cuns sillóns compoñibeis

BELEÉN PRIETO BUENO/ cun top manta que muda nun bolso

PAULA PÉREZ ANDRÉ/ cun revisteiro

Esta primeira exposición quere facerse coincidir co ano do deseño que estamos a celebrar neste 2003.

Dese modo a galería dos Peiraos descoñecida para moitos vigueses será un colector significante para as propostas plásticas máis novas e recentes.

Comisario

Xosé M. Buxán Bran, o comisario desta serie de exposicións na sala dos peiraos, é profesor titular da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo e curator independente.
Descargar todas as imaxes