Escoitar

Os asentos de Río Baixo renovaranse con 260.000 euros achegados pola Deputación

A Xunta de Goberno validou o proxecto de renovación dos asentos da bancada de Río Baixo cun investimento de 260.000 euros procedente da Deputación de Pontevedra. Ao mesmo tempo, o Concello está a traballar na elaboración do estudio de viabilidade económico para o uso e explotación do Estadio Municipal, así como nos proxectos de Marcador, Gol e o aparcamento.

xoves, 5 xul 2018
O alcalde deu conta da aprobación do proxecto de renovación dos asentos da bancada de Río Baixo cun custo de 260.000 euros, asumidos totalmente pola Deputación de Pontevedra, "unha mostra máis do avance para esta cidade de ter un organismo provincial con sensibilidade cara a Vigo". Estes traballos teñen un prazo de execución de oito semanas.

Simultaneamente, o Concello xa está a elaborar un estudio de viabilidade económico financeiro para o uso e explotación do Estadio Municipal de Balaídos ao tempo que se está a traballar no proxecto técnico das obras de Gol e Marcador, ademais do aparcamento. Ata o de agora, lembrou o rexedor, Concello e Deputación adicaron 13 millóns de euros ás gradas de Río, Tribuna e aos asentos "a maior inversión que se fixo nunca no estadio municipal". Neste punto Caballero avanzou que as obras de Río xa están rematadas, pendentes de encaixar na axenda a súa inauguración.

A Xunta de Goberno tamén deu luz verde ao proxecto básico e de execución para a renovación do céspede artificial e instalacións no campo de fútbol de Baltasar Pujales, cun importe de licitación de 387.000 euros á cargo do convenio asinado entre Concello e Deputación para a mellora das instalacións deportivas. Os traballos de mellora do campo que usa do Rápido de Bouzas tamén incluirá alumeado, caldeira de biomasa, depósito de auga e rede de pluviais. O acordo coa Deputación, que ascende a dez milllóns, incorpora a renovación do céspede sintético en 10 campos de fútbol municipais, a nova instalación deportiva cuberta en Romil, a renovación integral dos pavillóns deportivos e a grada de Río, así como a construción do pavillón deportivo cuberto e instalacións complementarias en Quirós.