O Concello traslada á Xunta o documento ambiental estratéxico do ámbito comercial de Recaré
O goberno local prosegue coa tramitación do ámbito de Recaré e vén de enviar á Xunta o borrador e o documento ambiental desta ordenacion. Esta iniciativa, ademais de permitir o desenvolvemento de solo terciario, tamén mellorará a mobilidade no acceso á A55, segundo explicou o rexedor.
O alcalde avanzou estes xoves o envío á Xunta do borrador e do documento ambiental do ámbito de Recaré. Trátase dun dos grandes desenvolvementos de terciario na Avenida de Madrid, situado un pouco máis aló do Seminario, que permitirá mellorar a mobilidade no acceso á A55. Tal e como indicou, a tramitación está prevista co procedemento da ordenación provisional polo que se recupera o plan de 2008 para a zona. Nestes momentos, o Concello inicia o trámite ambiental polo procedemento simplificado e a partir de aí, chegará a aprobación inicial e, a continuación, a definitiva. O obxectivo do goberno local, en verbas do rexedor, é que a tramitación estea rematada antes dun ano.