Escoitar

O goberno local anima a achegarse a Samil para asistir ao Campionato de España de Automodelismo

O concelleiro de Deportes, Manel Fernández, animou á cidadanía a acudir esta fin de semana ao Campionato de España de Automodelismo na categoría Pista 1/8 Gas, que recibe o circuíto municipal vigués, en Samil. Será a terceira das catro probas do circuíto nacional despois das de Valencia e Alcobendas.

xoves, 5 xul 2018
1530803053automodelismo.JPG
Máis de corenta pilotos de toda España citaranse na que é probablemente "a mellor pista de Europa", explicouse, trala reforma acometida polo Concello (preto de 50.000 euros) para que o Club Automodelista Vigués (CAVI) organice non só probas nacionais, senón tamén para que aspire a un gran premio da EFRA, o organismo rector da modalidade no Vello Continente.

Fernández lembrou que a ubicación da pista permite tamén "gozar de Samil" e incidiu no esforzo do Concello para que o circuíto mellore sensiblemente.

Alberto Alonso, en representación do club vigués, agradeceu o apoio municipal, que o club devolverá tentando que a cidade sexa sede dunha das tres carreiras do circuíto europeo de 2019. "Xa a solicitamos", asegurou.

Mentres, a entidade envórcase neste evento, ao que se presentan ata sete campións de España de automodelos, dous deles de Vigo (o propio Alberto Alonso en 2015 e Iñaki Otero en 2016). En 2017 gañou Sergio Montesinos, que confirmou que participará en Vigo.

A competición comezará este sábado ás 13:30 horas e para o domingo están previstas as finais dende as 12:15 horas. Haberá tres categorías: Absoluta, B e +40. Os vehículos pesan un mínimo de 2,4 quilos, teñen 3 cabalos de potencia e acadan os 120 km/h. "É a Fórmula 1 dos coches de radiocontrol", agregou Alonso.

O CAVI, ademais do patrocinio do Concello, conta co apoio de PSA Retail, representado na rolda de prensa por Rafael Montes, Bumpers Online, que regala un coche para un sorteo cuxo beneficio irá á asociación Os Biosbardos, ou Gadis, entre outras firmas.

Na presentación do campionato puidéronse ver os dous mellores coches radiocontrolados de 2015 e 2016. O campionato rematará en outubro en Sevilla e os pilotos poden facer un descarte, polo que a cita de Samil é fundamental para obter o título.
Descargar todas as imaxes