Escoitar

O Concello renova o plan de axudas para instalar ascensores ou ramplas en vivendas colectivas

Abel Caballero avanzou o inicio da tramitación da convocatoria de subvencións para a instalación de ascensores ou ramplas que faciliten a accesibilidade en edificios colectivos de máis de 25 anos. O importe da convocatoria é de 100.000 euros que se entregarán en réxime de concorrencia competitiva.

mércores, 4 xul 2018
O rexedor deu conta esta mañá do inicio do procedemento da convocatoria de subvencións para a instalación de ascensores ou ramplas de acceso en vivendas colectivas de máis de 25 anos. O obxectivo destas achegas, explicou, é seguir coa eliminación de barreiras arquitectónicas para os veciños de máis idade que teñen difícil accesibilidade nas súas propias vivendas. O importe da convocatoria é de 100.000 euros para os anos 2018 e 2019, distribuídos en réxime de concorrencia competitiva.

Asimesmo, o goberno local deu luz verde á prórroga do contrato de servizos de mantemento das instalacións, técnicos auxiliares e docentes complementarios para o funcionamento das piscinas de Travesas, Lavadores, Teis e Valladares, así como os ximnasios do Berbés e do Carme. A duración da prórroga é de 4 meses, cun orzamento dun millón de euros.

Tal e como avanzou o rexedor en rolda de prensa, o Concello vaise adherir ao proxecto WIFI4EU da Unión Europea co obxectivo de fomentar a conectividade a internet das comunidades locais conforme ao programa "Conectar Europa". A subvención é un bono de 15.000 euros que será percibido directamente pola empresa que o Concello contrate para a prestación do servizo.

O destino dos bonos é financiar o subministro e instalación de puntos de acceso wifi gratuítos de calidade en espazos públicos como parques, prazas, edificios públicos, bibliotecas ou centros de saúde. Segundo detallou o rexedor, a empresa debe comprometer o seu mantemento durante 3 anos.