Escoitar

A Corporación Municipal pide á CRTVG que manteña as desconexións locais da Radio Galega

O Pleno Municipal do Concello de Vigo aprobou por unanimidade solicitar á Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) a rectificar a súa decisión de acabar cos informativos locais ao considerar que teñen a obriga de atender a demanda informativa dos veciños da cidade e a súa área de influencia.

mércores, 30 mai 2018
Os tres grupos municipais de Vigo aprobaron este mércores no Pleno ordinario de maio unha moción do PSOE na que solicitan á Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) que manteña as desconexións locais da súa oferta informativa. Tanto os concelleiros socialistas como os "populares" e os da Marea consideraron que é necesario "atender a demanda informativa dos veciños de Vigo e a súa área de influencia".

O voceiro do PSOE, Carlos López Font, alertou de que a reestruturación anunciada pola compañía é "unha utilización política dos medios públicos" e unha "operación para censurar información tapando a voz de todos os axentes locais". Pola súa banda, Rubén Pérez, da Marea de Vigo, sinalou que "é un desmantelamento absoluto dun servizo público, igual que ocorre coa Sanidade ou a Educación".

Teresa Egerique, concelleira do PP, defendeu a permanencia dos espazos locais de información e negou que se tratase dunha manobra previa ás Eleccións Municipais, tal e como asegurara momentos antes o voceiro da Marea.

Museo do Mar
No pleno da Corporación Municipal tamén saíu adiante outra moción do PSOE instando á Xunta de Galicia a reparar a de forma urxente o acceso peonil á praia da Mourisca desde o Museo do Mar. Foi aprobada cos votos socialistas e de Marea, mentres que o PP non votou nin debateu ao considerar que a proposta era ilegal por estar presentada despois da xunta de voceiros.

Correos
Por último, foi aprobada unha moción da Marea de Vigo, con varias emendas do PSOE, para instar ao Goberno a garantir o servizo de Correos e corrixir os recortes "que ten consecuencias claramente negativas para a cidadanía e para os seus traballadores". Os concelleiros do PP abstivéronse na votación.