Escoitar

Vigo cede solo para un centro de ensino e atención a usuarios con parálise cerebral

A unanimidade do Pleno deu luz verde este mércores á cesión gratuíta á Asociación Amencer-Aspace de máis de 6.000 metros cadrados en Bembrive. A construción é resultado da colaboración do Concello, a entidade e a Fundación Amancio Ortega e atenderá a case 150 persoas.

mércores, 30 mai 2018
Os tres grupos políticos con representación municipal apoiaron a cesión gratuíta da parcela para construír un centro de atención integral que cubra as necesidades educativas e asistenciais de nenos en idade escolar afectados por parálise cerebral.

O concelleiro de Distritos, Ángel Rivas, explicou que nesta actuación participan o Concello de Vigo, a Asociación Amencer-Aspace e a Fundación Amancio Ortega, que dona a cantidade económica precisa para a construción. Goberno vigués e a Fundación colaboran ademais na edificación dunha nova escola infantil municipal tamén en Bembrive, que xestionará o Concello de Vigo para máis de 80 nenos.

A cesión da parcela en favor de Amencer-Aspace será por 30 anos, apuntou Rivas, e beneficiará a aproximadamente 150 usuarios, entre aqueles que acudan ao centro de forma permanente e os asistentes de modo ambulatorio.