Escoitar

O Concello contratará a próxima semana a cartografía e a revisión do Plan Xeral

A aprobación dos pregos e a apertura da licitación será posible despois do visto bo dado polo goberno de Vigo á memoria xustificativa. Abel Caballero lamentou que a Xunta desbotara o "plan Parejo" para recuperar "en seis meses" a ordenación urbanística viguesa.

mércores, 9 mai 2018
Abel Caballero deu conta da aprobación da memoria xustificativa que pasa este xoves pola Xerencia de Urbanismo, luz verde que fará posible que o goberno de Vigo aprobe a próxima semana os pregos de condicións, a contratación e posterior apertura do proceso de licitación, unha vez sexa publicado nos boletíns oficiais correspondentes.

O Plan Xeral de Vigo foi anulado polo Tribunal Supremo ao considerar insuficientemente xustificado un trámite ambiental da Xunta de Galicia. Para retomar con celeridade a vixencia do PXOM e cumplir coa sentenza xudicial, o Concello, recordou o alcalde, presentou ante a Xunta de Galicia unha vía amparada polo prestixioso xurista Luciano Parejo, finalmente desbotada polo goberno autonómico.

Atendendo ao criterio de Parejo, "en seis meses teríase aprobado o Plan Xeral de Ordenación Municipal", valorou Caballero, quen engadiu que agora o Ministerio de Fomento, no estudo do proxecto de lei, profundiza precisamente na liña proposta polo xurista para Vigo. Así, o rexedor indicou que o director xeral de Urbanismo apuntou no Congreso dos Deputados que a nova lexislación requerirá a "revisión" das pezas que foron declaradas contrarias á lei "e soamente esa parte", mantendo o resto do Plan a súa validez.

Esta solución é "exactamente o que nós propuxemos co plan Parejo, a Xunta contestou que non e agora resulta que Urbanismo e Fomento de España van na dirección que nós propuxemos. Fíxense en canto tempo e cantos recursos teríamos aforrado", concluíu Caballero.