Escoitar

Vigo renova os doce galardóns de Bandeiras Azuis en nove praias e tres sendeiros

Abel Caballero felicitou á cidade por obter de novo todas as distincións azuis solicitadas para as praias e sendeiros de Vigo, bandeiras que recoñecen, entre outros aspectos, a limpeza dos areais, o coidado, a vixilancia, o salvamento ou a atención médica.

martes, 8 mai 2018
A cidade de Vigo obtén de novo todas as bandeiras azuis solicitadas para as praias e sendeiros da cidade, un total de doce distincións. As praias que validaron este recoñecemento son o areal da Punta, Tombo do Gato, Argazada, Fontaíña, Vao, Canido, Fortiñón, Rodas e Figueiras.

Ademais, ao igual que o ano pasado, ás praias hai que sumar tres distincións para outros tantos sendeiros: o "Camiño do Lagares", a "Senda entre Faros nas Illas Cíes", que parte da praia de Rodas e chega ata o dous faros da illa, e a "Senda litoral e do Monte da Guía", en Teis, que transcorre polo Monte da Guía, praia da Punta e a ETEA.

Vencellado ás praias, Abel Caballero informou do requerimento de documentación ao segundo clasificado no contrato de salvamento e socorrismo, toda vez que o primeiro non presentou a documentación en prazo. O Concello adica ao efecto 970.000 euros e prestará o servizo nas nove praias con bandeira azul máis Samil.

O nomeado contrato incorpora este ano o servizo de cadeiras anfibias que posibilita o baño das persoas con mobilidade reducida. Prestarase, expuxo o alcalde, nas mesmas condicións que ata o de agora, durante os meses de xullo e agosto nos areais do Vao e de Samil.

Campamentos
Abel Caballero informou tamén este martes da clasificación de ofertas -antiga adxudicación provisional- para a contratación dos servizos de programación e execución dos campamentos urbanos, unha parte da oferta de actividades que ofrecerá o Concello de Vigo este verán para o público infantil e xuvenil. Segundo as datas anunciadas polo alcalde, o goberno de Vigo abrirá o prazo de inscricións a finais deste mes.

O contrato inclúe a organización de oito campamentos urbanos dirixidos a nenos e nenas de entre 4 e 17 anos, co obxecto de facilitar a participación infantil e a conciliación da vida laboral e familiar. O ano pasado, recordou Abel Caballero, o Concello ofertou máis de 25.000 vacantes en actividades deportivas, de ocio e campamentos de verán "e este ano imos superar as prazas que ofertamos o ano pasado".

Limpeza
Por último, o goberno vigués adxudicou a contratación -cun orzamento próximo aos dous millóns de euros- do servizo de limpeza das áreas deportivas municipais. Inclúe a limpieza dos recintos deportivos das Travesas, Balaídos, Navia, Samil, Berbés, ETEA, Coia, Bouzas, Teis, Candeán, Carballal, Lavadores, Bembrive, Castrelos, Coruxo, Sárdoma e do estadio de atletismo.