O Concello adica 7,3 millóns a achegas de alimentación e comedores sociais
O alcalde cifrou esta mañá en 7,3 millóns de euros o orzamento que o goberno local adica a axudas de alimentación e a comedores sociais. Así o dixo antes de visitar a Escola Infantil de Cáritas, unha entidade que recibe fondos municipais a través do Plan de Emprego.
O alcalde de Vigo elevou esta mañá a 7,3 millóns de euros as achegas municipais de alimentación e de comedores sociais neste 2018. Caballero fixo este balance antes de visitar a Escola Infantil de Cáritas coa que o Concello coopera a través do Plan de Emprego. Segundo os datos que facilitou, o goberno local ten un convenio con AFAN de 55.000 euros, mentres que os Misioneiros dos Enfermos pobres recibe 57.000 euros. O Comedor da Esperanza reparte ao redor de 51.000 comidas cunha achega de 23.000 euros, Vida Digna dispón de 45.000 euros das arcas municipais, e o Banco de Alimentos, 58.000 euros. A estas cantidades hai que sumar 70.000 euros do programa Xantar na casa, 4,5 millóns do Servizo de Axuda no Fogar e, por último, case 2,5 millóns do cheque social.