Escoitar

O Pleno esixe retomar as obras na A55 e licitar a nova autovía en túnel entre Vigo e Porriño

Unanimidade na votación plenaria para instar ao Ministerio de Fomento ao remate das melloras da estrada, garantindo a finalización de tódolos traballos antes da segunda quincena de xuño. A concelleira María José Caride destacou a alta siniestralidade que se rexistra na zona debido ao mal trazado da vía.

mércores, 25 abr 2018
O Pleno Municipal da Corporación de Vigo aprobou por unanimidade solicitar ao Ministerio de Fomento que remate "de xeito inmediato" as obras de mellora da autovía A55 antes da segunda quincena do mes de xuño. Ademais, reclama a eliminación da peaxe da AP9 entre Vigo e O Porriño e a construción da nova estrada cun túnel a través de Mos e Puxeiros.

Os tres grupos municipais deron este mércores o visto e prace á moción socialista defendida por María José Caride para que o Goberno solucione o problema da autovía A55. "A estrada é tristemente famosa por ser unha das vías con maior siniestralidade de Europa", indicou a concelleira antes de lembrar que as reparacións foron iniciadas en 2015 e tiñan que estar rematadas en 2017.

Cos votos de PSOE, PP e Marea de Vigo, a Corporación insta tamén a Fomento a levantar a peaxe da Autoestrada do Atlántico (AP9), entre Vigo e O Porriño, de forma que se converta nunha alternativa segura. Ademais, requiren que sexa licitada e adxudicada a redacción dos proxectos da nova autovía en 2018, adoptando os correspondentes compromiso orzamentarios para que sexa unha realidade no prazo máis breve posible.

Xosé Lois Jácome, concelleiro da Marea, sinalou que se trata da autovía estatal con máis puntos negros e criticou que as reformas acumulan "retraso tras retraso a causa da nefasta xestión do Goberno".

Pola súa banda, o "popular" Diego Gago mantivo que o goberno de Felipe González foi o responsable da construción da vía co trazado actual e que o PP "foi o único partido que adica cartos" na procura dunha solución.