Escoitar

O Concello de Vigo, á cabeza das cidades de España no pago das súas facturas

Segundo os últimos datos publicados polo Ministerio de Facenda, correspondentes ao mes de xaneiro, Vigo é a cidade española que antes abona aos seus proveedores. O alcalde, Abel Caballero, explicou que o Concello paga aos quince días de recibir a factura.

luns, 23 abr 2018
Caballero valorou este luns os últimos datos dispoñibles do Ministerio de Facenda e puxo en valor que Vigo continúe liderando ás cidades de España no pago a proveedores, cun dato de -15,05 días. "Seguimos sendo os mellores", saudou.

O cómputo do abono das facturas contempla un primeiro periodo de 30 días para recoñecer o gasto e un segundo prazo legal, tamén de 30 días, para efectuar o pago. Así, o Concello de Vigo satisfai as súas obrigas nos quince días seguintes á recepción da factura, é dicir, quice días antes de que comece o prazo legal establecido.

Entre as entidades públicas, Vigo está á cabeza cun pago en -15,05 días, seguida de Segovia (-6,77 días), Salamanca (-5,32 días), Cidade Real (-5,83 días) e Málaga (-4,52 días). No tocante ás urbes galegas, os -15,05 días de Vigo contrastan cos -0,35 días de Pontevedra, os +12,6 días da Coruña, os +40,82 días de Ourense e os +83,78 días de Lugo. Abel Caballero citou tamén os datos doutras cidades como Sevilla (+65,55 días), Tenerife (+23,05 días), Palma (+30,46 días) e Oviedo (+14,52 días). "Somos extraordinariamente eficaces pagando aos proveedores", concluíu.