Escoitar

O rexedor garante a permanencia das zonas verdes municipais de Navia

Abel Caballero rexeitou a proposta recollida na modificación do Plan Parcial de Navia realizada pola Xunta na parte que prevé construír aparcamentos en zonas verdes ou deportivas. En declaracións aos medios, o alcalde negou absolutamente esta posibilidade dado que se trata de terreos municipais.

luns, 23 abr 2018
O proxecto de ampliación do PAU de Navia deseñado pola Xunta de Galicia prevé a conversión en aparcamentos de cemento en zonas verdes e deportivas como é o parque de enerxías renovables -onde está o rinoseto- ou a zona onde arrancará en breve a construción dunha nova área deportiva -xa nestes momentos en contratación. En declaracións aos medios, o rexedor desbotou absolutamente esta posibilidade asegurando que "non imos consentir este cambio. Mentres eu sexa alcalde ningún aparcamento vai ocupar unha zona verde e podo aseguralo porque é terreo municipal". Avanzou que hoxe mesmo enviará unha notificación ao Goberno autonómico para advertirlle de que teñen que construír aparcamentos en zonas axeitadas, non en áreas verdes, lúdicas ou deportivas. Quixo enviar unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza porque o Concello seguirá promovendo en Navia parques infantís, medioambientais, zonas verdes temáticas e deportivas, como son as pistas de skate ou de parkour, xa en fase de construción.