Escoitar

Manel Fernández anuncia o Cidade de Vigo de baile deportivo, este domingo, como "unha referencia" en Galicia

A cuarta edición do Trofeo Cidade de Vigo de baile deportivo terá lugar este domingo (11:00 horas) no Multiusos de Navia organizado polo Club de Baile Deportivo Pasos-Bailegalicia.

mércores, 7 feb 2018
1518020224deporte.JPG
Tras pasar polos polideportivos de Candeán (2015), Bouzas (2016) e Central das Travesas (2017), o Concello quixo levar esta festa do baile clásico e urbano e da danza coreográfica a Navia, que espera o cheo, especialmente coas competicións de nenas e nenos, as máis seguidas dende as bancadas.

Bailarines de Vigo, pero tamén do resto da comunidade autónoma, Madrid e nomeadamente de Portugal, darán ao evento un novo récord de participación, ao acadarse a cifra de 430 inscritos, trinta máis que o ano pasado. "Preocupábanos a coincidencia co Entroido, pero a resposta foi espectacular, estou moi satisfeito", afirmaba Miguel Abreu, director do trofeo presentado hoxe polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández.

O edil socialista felicitou a Abreu polo serio traballo organizativo -mobilizarán a unha veintena de persoas a fin de que todo saia perfecto- e lembrou a importancia do patrocinio municipal para que este evento continúe a crecer. Ademais, apuntou que o torneo é "un gran espello para nenas e nenos do programa municipal de escolas deportivas" que dirixe en Bouzas outra entidade da cidade, o club Al Compás, con máis dunha treintena de alumnos.

Fernández valorou tamén que se cumpren vinte anos dende que a cidade foi referencia galega ao celebrarse a primeira edición do Cidade de Vigo (era só baile deportivo) sendo naquel momento o primeiro de gran categoría na historia desta modalidade en Galicia, e que agora Abreu oferta un "Open internacional de gran nivel", dixo, para que Vigo continúe como referente en baile deportivo, pero tamén en danza e hip-hop.

A competición do Cidade de Vigo inclúe hip-hop, baile deportivo (standard e latinos), ritmos caribeños e danza coreográfica. Serán 160 bailarines en grupos de hip-hop (esta disciplina arrinca ás 11:00) e cen parellas para baile deportivo (latinos: samba, merengue, jive, tango, quickstep, chachachá, pasodoble e rumba; standard: vals lento, tango, quickstep, slow fox e vals vienés), que comezará ás 14:00 horas, e 20 bailarines para ritmos caribeños (merengue, salsa e bachata).

A organización fixou o prezo da entrada xeral en 7 euros, con 4 euros para os xubilados e acceso libre para os menores de 10 anos.
Descargar todas as imaxes