Escoitar

O alcalde reclama a Feijóo a gratuidade dos aparcamentos do Cunqueiro

Caballero propuxo este mércores ao presidente da Xunta un acordo segundo o cal o estacionamento que constrúe o Concello será de acceso libre para todos os cidadáns da área metropolitana sempre e cando Núñez Feijóo converta en gratuítas as prazas do estacionamento soterrado do novo hospital, hoxe de pago.

mércores, 2 ago 2017
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, censurou que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, esixa un estacionamento de balde para todos no hospital Álvaro Cunqueiro cando a propia Xunta de Galicia conta alí con máis de 2.000 prazas de aparcamento de pago.

Caballero recordou que o goberno de Vigo está a construír un aparcamento dunhas 500 prazas nunha parcela próxima ao recinto hospitalario, que poderá ser usado polos vigueses e viguesas. O rexedor propuxo que, se a Xunta de Galicia quere que o estacionamento municipal poida ser empregado por todos os cidadáns da área metropolitana, Núñez Feijóo converta en gratuítos os aparcamentos de pago do Cunqueiro.

"É unha decisión que pode tomar de hoxe a mañá", asegurou Caballero sobre a gratuidade, e engadiu que, se Núñez Feijóo pon as 2.000 prazas de balde, o goberno de Vigo achegarás as 500 do aparcamento municipal. "Ofrezo ese convenio", aseverou o alcalde, para ter un total de 2.500 prazas gratuítas no Álvaro Cunqueiro, "suficientes para cubrir a demanda".