Escoitar

O rexedor esíxelle ao SERGAS que resolva a falta de matronas que provoca unha atención deficiente

Caballero mantivo un encontro este martes cun grupo de matronas viguesas que lle trasladaron a "inmensa alarma" ante a ausencia de profesionais e a deficiente atención sanitaria que se está prestando ás mulleres.

martes, 1 ago 2017
1501591406matronas.JPG
Segundo expuxo o alcalde, nestes momentos están traballando a metade das matronas mínimas imprescindibles para cubrir a asistencia recomendable, o que significa que hai "unha atención moi deficiente ás mulleres, enormes listas de espera e mesmo non son atendidas cando collen vacacións".

Ante a descrición realizada polas profesionais, Caballero esíxelle ao SERGAS "no nome da cidade que resolva isto de forma inmediata porque seguramente é a parte máis sensible da atención sanitaria", xa que cobren as cuestións relacionadas coa saúde da muller desde a adolescencia ata os 65 anos, incluíndo aos bebés e a lactancia.

Así, considera "intolerable" que o número de matronas sexa a metade do que debe haber. Segundo apuntou, en Vigo hai nestes momentos unha matrona por cada 11.000 mulleres cando o mínimo aconsellable é de unha por cada 5.500 mulleres, unha ratio que se cumpre, apuntou, na área sanitaria de Pontevedra e en Vigo non. Así, dixo, "hai momentos nos que isto se converte nunha catástrofe de asistencia sanitaria ás mulleres e aos seus bebés".

Amais do apoio ás reivindicacións das matronas, o alcalde anunciou o desenvolvemento dunhas xornadas de información á cidadanía sobre esta deficiente atención que sofren as mulleres viguesas e da área metropolitana. Nese sentido engadiu que "me gustaría escoitar as voces dos alcaldes de toda a área porque afecta a todos os concellos máis ou menos na súa proporción".
Descargar todas as imaxes