Escoitar

Vigo, a cidade galega con menor presión fiscal

O alcalde explicou este luns que Vigo é a cidade de Galicia cunha menor presión fiscal, ademais de ser a urbe galega na que menos se incrementou este indicador nos últimos anos. Caballero engadiu que Vigo tamén é a cidade cun maior gasto social.

luns, 31 xul 2017
Segundo os datos ofrecidos por Abel Caballero, Vigo conta coa presión fiscal máis baixa das principais cidades galegas. O dato vigués, revelou, contrasta cos doutras cidades como Lugo -cunha presión fiscal un 16% superior á de Vigo-, con Pontevedra -un 23% máis-, con A Coruña -un 25% superior- e con Ourense -cunha presión fiscal case o 50% máis alta que a viguesa-.

Os datos oficiais revelan ademais que a cidade de Vigo é a urbe galega na que menos se incrementou a presión fiscal nos últimos anos, cun ascenso do 6%, polos 8% de Ferrol, o 9% da Coruña, o 11% de Lugo, o 15% de Pontevedra ou o 23% da cidade de Ourense.

"Temos a presión fiscal máis baixa e a política social máis alta", afirmou o alcalde, quen recordou que A Coruña adica aos coñecidos como cheques sociais 100.000 euros polos 2,5 millóns da cidade de Vigo. "Esta cidade vai continuar neste ritmo e desta forma", concluíu Caballero.