Escoitar

O Concello entrega 286.000 euros a 51 centros educativos para mantemento e reparacións

Abel Caballero explicou que se trata dunha partida para que centros públicos de Infantil e Primaria poidan realizar obras de pequena entidade. Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación das 82 bolsas para estadías lingüísticas de alumnado da Escolas Oficial de Idiomas que teñen un importe de 160.000 euros.

luns, 27 mar 2017
O alcalde informou este luns da aprobación, por parte da Xunta de Goberno Local, do procedemento de xestión directa aos Consellos Escolares dunha asignación do Orzamento Municipal para a reparación e o mantemento dos colexios mediante actuacións de pequena entidade.

O importe, que ascende a 286.000 euros, vaise distribuír entre os 51 centros públicos de Educación Infantil e Primaria de Vigo, o que supón unha media de 6.000 euros por centro e que, segundo Caballero, é "unha partida moi apreciada porque implica axilidade na tramitación e na adxudicación"

Bolsas para estadías lingüísticas
A Xunta de Goberno Local aprobou tamén a proposta de adxudicación das bolsas "Concello de Vigo" para estancias lingüísticas no estranxeiro para alumnado da Escola Oficial de Idiomas, que teñen un importe de 160.000 euros. Son un total de 82 bolsas para diferentes linguas: 45 de inglés, 11 de francés, 6 de alemán, 15 de italiano, 2 de portugués, 2 de xaponés e unha de chinés. A estas prazas súmanse as 657 destinadas ao alumnado de 3º de ESO. Abel Caballero sinalou que deste programa, ao que o Concello destina 1.655.000 euros en 2017, poderán beneficiarse 749 estudantes vigueses.