Escoitar

Caballero destaca a "revolución" que suporá a transformación da Gran Vía coas cintas mecánicas

O goberno local deu luz verde esta mañá á aprobación dos pregos para redactar os proxectos de rehabilitación e transformación do entorno de Gran Vía e do soterramento do tráfico rodado na Porta do Sol. Deste xeito, o Concello da inicio o desenvolvemento destas importantes actuacións para a cidade.

xoves, 23 mar 2017
O alcalde deu conta da aprobación dos expedientes de contratación por procedemento aberto da redacción dos proxectos de rehabilitación e transformación da Gran Vía e do soterramento do tráfico rodado da Porta do Sol. Respecto do primeiro, cun importe de contratación de 218.000 euros, Caballero destacou que a instalación de cintas mecánicas cubertas desde Urzáiz ata a Praza de España suporán unha "revolución" e permitirán facer ese percorrido en 2 minutos e medio, como un novo medio de transporte, apuntou. O proxecto prevé a eliminación de interseccións e habilitaranse túneis. O rexedor lembrou que forma parte do Vigo Vertical, dotado de 19 millóns, dos que 15 os achegan os fondos Feder e o resto, o Concello.

Respecto do soterramento do tráfico rodado na Porta do Sol, a redacción do proxecto sae a concurso por 217.000 euros, coa intención de que as obras comecen a finais de ano e se prolonguen 18 meses. A Porta do Sol -que conservará o parking- se transformará nunha gran praza colectiva, que anexionará as prazas da Princesa e da Constitución nun conxunto peonil conectado que comezará na Farola de Urzáiz, pasando por Príncipe, ata conectar co Casco Vello. O orzamento inicial da remodelación da Porta do Sol é de 8,6 millóns e, segundo detallou, aproveitarase o actual aparcamento para crear un vial soterrado de dobre dirección de ata 210 metros de lonxitude.

Por outra banda, a Xunta de Goberno tamén acordou requerir aos accionistas da Mercantil Pazo de Congresos e aos membros do Consello de administración que fagan a capitalización de súa participación, tal e como determina o prego de concesión.