Escoitar

O Pleno do Concello concede a Medalla da Cidade ao Centro Oceanográfico de Vigo

A Corporación aprobou a proposta por unanimidade e deu luz verde ao nomeamento como Vigueses Distinguidos do CRACC de Coruxo, Mayeusis, José Silveira, Ramón Patiño, Mercedes Oliveira, os Colexios Acacias e Montecastelo e a Asociación de Comerciantes e Hostaleiros Vigo Vello.

xoves, 23 mar 2017
O vindeiro luns 27 e marzo o Concello entrega os premios Vigueses Distinguidos 2017 nunha cerimonia que se desenvolverá ás 20:00 horas do serán no Auditorio Afundación.

O Pleno da Corporación aprobou por unanimidade hoxe a proposta de concesión da Medalla da Cidade 2017 ao Centro Oceanográfico de Vigo. Na sesión extraordinaria celebrada este xoves deuse o visto bo tamén ao nomeamento como Vigueses Distinguidos deste ano ao Centro Recreativo, Artístico e Cultural de Coruxo (CRACC), a José Silveira Cañizares, a Ramón Patiño Gómez, ao Conservatorio Mayeusis, á catedrática Mercedes Oliveira Malvar, aos colexios As Acacias e Montecastelo, e á Asociación de Comerciantes e Hostaleiros Vigo Vello.

A proposta de Vigueses Distinguidos 2017 saíu adiante coa unanimidade do Pleno a excepción dos candidatos José Silveira e os colexios Acacias e Montecastelo que recibiu o voto contrario de Marea de Vigo.