Escoitar

O Concello inicia o 1 de abril catro rutas guiadas polas medianeiras da cidade

As visitas culturais realizaranse por parte dos 29 murais decorados nos anos 2015 e 2016 os sábados ás 11 da mañá cunha hora e media de duración. O III programa de medianeiras desenvolverase neste 2017 coa previsión de realizar 12 murais con artistas destacados da cidade e dous convidados internacionais: Hazul e Mona Carón.

mércores, 22 mar 2017
1490192221medianeiras.JPG
Abel Caballero anunciou este mércores a posta en marcha de catro rutas guiadas por diferentes zonas da cidade co fin de divulgar e gozar dalgunhas das 29 medianeiras decoradas ao abeiro dos programas municipais dos anos 2015 e 2016 e que amosan "unha calidade artística moi reseñable".

Para o rexedor este fenómeno da arte na rúa está "á altura das cidades máis importantes de Europa", como Lisboa ou Lyon e o obxectivo do Concello é que poida coñecelo toda a cidade "enfatizando o seu valor artístico e que sexa un atractivo turístico máis".

Establécense catro rutas en fin de semana, que comezan ás 11 da mañá e para as que se estima unha hora e media de duración. O sábado día primeiro de abril desenvólvese a Ruta 1 dende as Travesas, co cruce de Pintor Colmeiro coa rúa Tarragona como punto de encontro. O sábado 8 de abril, a ruta 2, chamada Centro, parte da Praza do Bicentenario (no cruce de Venezuela, Camelias e Marqués de Alcedo). O sábado 6 de maio, poderán coñecerse as medianeiras da ruta 3 – Castelao que parte da avenida do mesmo nome, na rotonda de Alfageme, esquina con Martín Echegaray. A última das rutas ponse en marcha o sábado 13 de maio en Peniche, partindo da Praza da Aperta ao carón do mural de Antón Pulido, no cruce das rúas Pi i Margall, Lopez Mora e Tomás Alonso. As persoas interesadas en participar nesta proposta cultural poden chamar ao teléfono de información municipal 010, onde tamén poderán xestionar visitas para grupos.

O alcalde adiantou que no verán comezará a executarse o III Programa de Arrumbamento de Medianeiras que inclúe os seguintes espazos: rúa Beiramar, Avenida de Castelao, 16, Centro Comercial Coia 3, Muro do Colegio Niño Jesús de Praga, rúa Coruña, 9, Unidade de Traballo Social de Teis, rúa Doutor Corbal, Escaleiras entre Romil e Camelias, Escaleiras entre Pi y Margall e Torrecedeira, os pavillóns de Bouzas e As Travesas e, amais, remataranse as actuacións no parque de Navia e a Casa do Patín (Bouzas). Os artistas que executarán as medianeiras nesta nova edición do programa, tal e como anunciou Caballero serán: Delio Rodríguez, María Romero, Pinche, María José Pulido, Teresa Irisarri, Silvia Rodríguez Pena (SAX), Noel Pérez Fungueiriño, Elara Elvira e Ana Santiso, Iria Blanco, Pedro Sardiña. Ademais hai dous artistas internacionais convidados: Hazul, un dos grafiteiros más recoñecidos de Porto, e Mona Carón.
Descargar todas as imaxes