Escoitar

O próximo pleno aprobará unha ordenanza reguladora da publicidade exterior

xoves, 20 feb 2003
O Goberno municipal someterá á consideración do vindeiro pleno da corporación a aprobación dunha ordenanza que regulará a publicidade exterior en todo o término municipal. Esta nova normativa substituirá á anterior ordenanza, que data do ano 1987 e que está totalmente desfasada.

Coas novas normas preténdese poñer orde nunha actividade, a publicidade na vía pública, que proliferou enormemente nos últimos tempos. A finalidade da ordenanza é regular a ubicación das instalacións publicitarias, establecer as súas características e garantir un bo estado de conservación.

A Ordenanza regulará as condicións esixibles ás instalacións publicitarias perceptibles dende a vía pública, o rexime xurídico aplicable aos actos de publicidade e o sistema sancionador das infraccións.

A nova normativa prohibirá expresamente a colocación de soportes publicitarios en edificios declarados Bens de Interese Cultural, nas zonas verdes e no corredor natural do río Lagares. Tamén se establecen restriccións nas zonas de costa e nas marxes das estradas. Prohibirase ademáis a pegada incontrolada de carteis ou pegatinas en edificios, árbores, monumentos ou o mobiliario urbano.