Escoitar

Sae a exposición pública o proxecto de urbanización da prolongación de Rosalía Castro

xoves, 20 feb 2003
O Consello da Xerencia de Urbanismo aprobou inicialmente o proxecto de urbanización da Unidade de Execución I-06 Rosalía de Castro 2, que se vai someter a exposición pública polo prazo de 20 días antes da súa aprobación definitiva. A axilización deste trámite, que foi precedido do realoxo dos inquilinos dos inmobles situados no ámbito e da concesión de licencias para o derrubo das vellas construccións existentes na zona, permitirá que nos próximos meses comecen as obras de finalización da rúa Rosalía de Castro.

O proxecto de urbanización consiste fundamentalmente en completar o trazado da rúa Rosalía de Castro ata a súa conexión coa rúa García Barbón. Tamén se prevé a transformación en rúa do camiño de Miragaia e a creación dunha praza pública con accesos dende o Areal e a rúa Miragaia. A urbanización completarase coa construcción de dous aparcamentos sotárregos, un deles baixo Rosalía de Castro e outro baixo a nova praza.

O Consello da Xerencia estableceu a necesidade de executar un proxecto arqueolóxico previo ao comezo das obras coa finalidade de orientar as imprescindibles cautelas ante a posible aparición de achados arqueolóxicos.