Escoitar

Estudiantes vigueses poderán concorrer ao concurso literario ”Interescolar Gran Vigo”

xoves, 20 feb 2003
imx2353.jpg
A Concellería de Festas e Animación Sociocultural colabora no terceiro concurso literario ”Interescolar Gran Vigo” no que poden participar estudiantes de primaria, ESO e bacharelato de Vigo e a súa área de influencia.

Os estudiantes que desexen concorrer ao concurso deberán presentar un conto curto de tema libre, cunha extensión mínima de dous folios a dobre espacio e máxima de seis, ou unha poesía. As obras deberán ser inéditas e escritas en galego ou castelán.

Os centros participantes seleccionarán tres traballos por categoría e modalidade e os remitirán ao Instituto Álvaro Cunqueiro de Coia. ”Nesta edición convidouse aos centros de educación especial e ao colexio hospitalario Xeral Cíes, polo que se outorgarán catro premios máis”, explicou Nelly Pérez, unha das organizadoras.

O director do Álvaro Cunqueiro, Xosé Carlos Ucha, indicou que mediante esta convocatoria se pretende que os rapaces se acheguen ás palabras para coñecer e descifrar o mundo. Destacou tamén o papel da educación pública no labor de dotar de significados ás palabras para comprender a sociedade.

A concelleira Isaura Abelairas reivindicou o labor dos docentes nas responsabilidades de formación dos rapaces para conseguir un futuro mellor e sobranceou o esforzo na interrelación profesor-alumno e na actualización constante do profesorado.
Descargar todas as imaxes