Escoitar

Vigo, o concello de España que antes paga aos seus provedores

O edil de Facenda, Jaime Aneiros, presentou este mércores os datos correspondentes ao último trimestre do pasado ano, no que se efectuaron case 6.000 pagos por importe de 39,5 millóns. Con quince días desde a recepción dos bens ou servizos, o Concello de Vigo está á cabeza das cidades españolas, resultado da "boa xestión" do goberno vigués.

mércores, 22 feb 2017
O Pleno da Corporación Municipal de Vigo tomou coñecemento na sesión deste mércores do informe da Tesourería sobre o cumprimento dos prazos para o pago das obrigas correspondentes ao último trimestre do pasado ano, documento que revela que Vigo se sitúa á cabeza das urbes españolas en prontitude de pago aos provedores.

Segundo expuxo este mércores Jaime Aneiros, o Concello de Vigo abona as facturas aos quince días da recepción dos bens ou servizos, polo tanto, quince días antes de que comece a computar o prazo dos trinta días legais para facelo. O dato vigués de pago en -15 días contrasta cos 55 días que tarda Sevilla, os 75 de Tenerife, os 32 de Valencia, os 35 de Xixón e os 32 de Oviedo. En Galicia, abondou o concelleiro, Vigo tamén ocupa á primeira posición entre as cidades, ao abonar A Coruña en 68 días, Santiago en 67 días, Ourense en 46 e Pontevedra en 33 días.

No último trimestre do 2016, o Concello efectuou un total de 5.994 pagos por valor de 39,5 millóns de euros, explicou Aneiros, ningún destes fóra de prazo e, en consecuncia, sen abonar xuros de demora.

O voceiro da Marea, Rubén Pérez, apuntou que Vigo presenta un prazo prácticamente igual ao do último trimestre do ano 2015 mentres que outras cidades o reduciron ata nun 50%, e manifestou entender este proceso como de "mellora continua". Polo PP, Elena Muñoz censurou que con 97 millóns en Tesourería "xa se pode pagar rápido" e denunciou un nivel de execución do orzamento do 30% no 2016.

Liquidación
O Pleno tomou tamén coñecemento da liquidación do orzamento do Concello no 2016. Aneiros defendeu un orzamento que sitúa a Vigo como a cidade con menor presión fiscal de Galicia e por debaixo da media española, cun remanente de Tesourería positivo e con débeda cero, cando hai dez anos a débeda do Concello era de 66 millóns.

O concelleiro asegurou que estes resultados "sobresaíntes" posicionan a Vigo como "referente" nos municipios galegos e españois, ao ser o concello coas finanzas "máis sólidas" do Estado e o que máis adica a política social. A execución do orzamento foi "moi boa", en verbas de Aneiros, e permitiu continuar coa "transformación da cidade".

A oposición criticou unha execución dos investimentos do 30%. Pola Marea, Pérez denunciou que non se gastaron partidas de emprego e sociais que computaron como superávit e foron destinados a investimentos ao ano seguinte. En representación do Partido Popular, Miguel Fidalgo asegurou que a liquidación foi un "desastre que se vía vir" e o balance do ano, "catastrófico", e criticou ao goberno por non saber "facer un orzamento".