O goberno da Área Metropolitana avanza no desenvolvemento do Plan de traballo cuadrienal

Os membros do goberno da Área Metropolitana avanzaron esta mañá no Plan de Traballo cuadrienal coa constitución de cinco comisións que dotarán de contidos este programa marco. Tal e como detallou o rexedor, traballarase no eido da economía, do emprego, do social, das infraestruturas e do turismo e da administración.

martes, 21 feb 2017
1487685418AREA.JPG
A xunta de Goberno da Area Metropolitana avanzou esta mañá no debate sobre o Plan Metropolitano Cudrienal para seguir "avanzando no que realmente lle importa aos veciños". Concretamente, detallou o presidente e alcalde de Vigo, acordouse a creación de cinco comisións: economía, emprego, social, infraestruturas e turismo e administración. Estas serán as que definan os contidos incluídos nas liñas estratéxicas dun plan que, segundo a lei, ten que estar aprobado seis meses despois da constitución do ente.

Tal e como detallou, os obxectivos de actuación para os primeiros anos de traballo son: a gobernanza metropolitana; a promoción e o desenvolvemento económico; emprego e formación; cooperación na prestación de servizos como a limpeza, os residuos sólidos ou a auga; a cohesión e os servizos sociais; sanidade e saúde; educación; promoción turística; promoción cultural e protección do patrimonio; planificación e xestión do medioambiente; mobilidade e transporte; ordenación do territorio e cooperación urbanística; infraestruturas e equipamentos; seguridade para coordinación de bombeiros, Protección Civil ou Policía e as tecnoloxías da información e comunicación.

Durante a súa intervención, alertou de que este programa está sendo "paralizado e boicoteado" pola Xunta de Galicia co recurso que interpuxo contra o ente "ata o punto de reclamar medidas cautelares", insistiu o rexedor. Logo de acusar ao goberno autonómico de ter como obxectivo "manter paralizada a Área durante dous anos, sabendo que non lles asiste a razón", asegurou que se o PP tivera maioría no ente non o paralizaría. Neste contexto acusou á Xunta de boicotear tamén a entrada en funcionamento do transporte metropolitano e alertou de que "nós tamén tomaremos as nosas decisións". As accións da Xunta, dixo, en contra das súas pretensións, "están fomentando a cohesión dos oito concellos que gobernamos o 80% da poboación da Área coa nosa propia capacidade de establecer lazos de cooperación entre nós".

Dos oito alcaldes membros do goberno da Área Metropolitana, na sesión de esta mañá faltaron por motivos de enfermidade ou de axenda os rexedores de Moaña, O Porriño e Nigrán.
Descargar todas as imaxes