Escoitar

A Corporación aproba inicialmente a modificación das ordenanzas fiscais para 2017

Na sesión plenaria o Concello deu o visto bo á proposta inicial de modificación das ordenanzas fiscais que manterá a presión fiscal "máis baixa de Galicia" e que incluirá bonificacións no recibo do lixo, unha rebaixa no imposto sobre vehículos e a suba de 30 céntimos mensuais na factura da auga.

luns, 3 out 2016
O Pleno do Concello aprobou inicialmente os expedientes de modificación das ordenanzas fiscais reguladoras do Imposto sobre vehículos de tracción mecánica, dos prezos públicos das Escolas Municipais de Música e Artes Escénicas, da utilización de VERBUM-Casa das Palabras, dos dereitos e taxas pola concesión de Licenzas de Construción, obras e instalacións tramitadas pola Xerencia Municipal de Urbanismo e pola Administración do Concello, das taxas por Licenzas de Actividades e Instalacións, dos prezos públicos pola utilización das Instalacións Deportivas Municipais e das taxas pola prestación de Servizos de Subministración de Auga potable, rede de sumidoiros, saneamento e depuración de augas residuais.

O edil de Facenda, Jaime Aneiros, expuxo que o propósito do goberno municipal é manter a presión fiscal "máis baixa de Galicia", situada en 492 euros por habitante, con beneficios e bonificacións para a cidadanía que suman 4,1 millóns de euros anuais, Así, segundo explicou, o Concello prevé bonificar no lixo 300.000 euros e continuar pagando o canon de Sogama que ascende a 50 euros por recibo; conxelará os impostos sobre os vehículos baixando as taxas de motos un 10% e tamén os impostos dos vehículos históricos e reducirá as taxas por ocupación da vía pública para acometer obras co fin de favorecer a actividade económica. No caso do recibo da auga, a previsión do goberno municipal é axustar o prezo derivado do contrato de maneira que cada vigués pagará 30 céntimos máis ao mes; tamén se adaptarán os prezos de uso das instalacións deportivas municipais, que inclúen unha rebaixa da cota dos bonos, e os das ensinanzas artísticas. No tocante ao pagamento dos tributos, o Concello "perfeccionará" o pago bonificado do IBI e o aprazamento das débedas a seis, doce ou vinte e catro meses para que acredite a situación de dificultade para afrontar o pago.

Rubén Pérez, voceiro de Marea de Vigo, criticou a "falacia" do uso da conxelación das taxas por parte do goberno municipal con criterios políticos e propuxo cambios como a ampliación das bonificacións ás familias monoparentais no IBI ou no recibo da auga, o aprazamento da débeda "sine die" mentres se xustifique a situación de imposibilidade, aplicar un IBI maior ás vivendas baleiras e examinar as bonificacións ao edificios. Así mesmo, referiuse ás ausencias da proposta do goberno como as ordenanzas de terrazas ou o regulamento dos convenios con entidades sociais e veciñais.

Elena Muñoz, voceira do grupo popular, manifestou o seu descordo coa modificación das ordenanzas proposta porque "penalizan aos vigueses cun cargo fiscal sen xustificación económica" e criticou que Vigo teña o IBI máis alto das cidades galegas e da Área Metropolitana, cualificou de "impresentable" a suba do recibo da auga e do prezo das escolas municipais. A edil propuxo unha baixada do 3% de todos os impostos e bonificacións fiscais do 50% no pago do IAE nos primeiros anos e do 95% do IBI, plusvalía e IAE ás empresas que xeren emprego usando a marxe que ten o Concello para o desenvolvemento da cidade.

O concelleiro Jaime Aneiros cualificou de "indecente" a proposta de rebaixa do 3% por parte do PP xa que supón máis de 5 millóns de euros e respondeu a Marea de Vigo que o Hospital Álvaro Cunqueiro ten que pagar o IBI porque non é do SERGAS, aclarando tamén que para gravar as vivendas baleiras é preciso un regulamento autonómico e estatal que o ampare.