Escoitar

A xente de Vigo di: Nunca máis

mércores, 11 dec 2002
imx2112.jpg
Voluntario
O alcalde, Lois Castrillo, fai un chamamento aos cidadáns a participar na manifestación convocada o mércores en Vigo pola plataforma Nunca Máis que sairá ás 20 horas dende a praza de España e percorrerá a Gran Vía, Urzaiz, Colón, Policarpo Sanz e rematará na Porta do Sol.

”Case un mes despois do accidente do Prestige, non hai dúbidas de que a Galicia mariñeira, as xentes que viven e traballan do mar no noso país son os auténticos protagonistas da loita contra a marea negra. Eles encheron o baleiro deixado polas autoridades supostamente competentes na protección das nosas costas, da nosa economía, da nosa riqueza natural.

A nosa xente, os mariñeiros e as súas mulleres, as mariscadoras, os bateeiros, as redeiras… foi a que impediu que o fuel invadise as praias da ría, a que conseguiu evitar que as bateas e os peiraos da ría quedasen asolagados en fuel. Eles son son os que, coa inestimable axuda do voluntariado da nosa cidade e co material que poden proporcionarlle o Concello de Vigo e as empresas locais, están deixando as súas forzas na limpeza das Cíes, o noso paraiso ferido.

Pero mentres seguimos limpando o chapapote toneladas de fuel permanecen ameazantes á deriva a poucas millas da costa, a mercede do vento. Necesitamos medios para combater esa marea negra en alta mar e desa maneira tentar evitar que se achegue de novo á boca da ría. Continuamos esixíndolles ás autoridades do Goberno Central e da Xunta que actúen con máis decisión e máis medios técnicos para extraer o carburante do mar. Non podemos admitir que nos volvan deixar sos fronte á marea negra.

É o momento de aplaudir o empeño solidario da xente do mar e do voluntariado, pero tamén o de expresar con contundencia toda a indignación que nos producen estes sucesos. Cómpre manifestar claramente a nosa vergoña pola actitude duns gobernantes que se comportaron con pasividade ante o problema, que tentaron restrinxir a información sobre a magnitude da traxedia e que eludiron as súas responsabilidades. Pero tamén é o momento de estarmos unidos, de traballar conxuntamente para preservar o noso patrimonio e recuperar o que desgraciadamente resultou danado.Temos unha dura tarefa por diante e toda colaboración será pouca.

Convido aos vigueses e viguesas a unirse a ese clamor que resoa en toda Galicia participando na manifestación de hoxe para dicir, con serenidade e con firmeza: NUNCA MÁIS”.
Descargar todas as imaxes