Escoitar

Castrillo pídelle ao Goberno barcos succionadores para a ría de Vigo

martes, 10 dec 2002
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, dirixiuse hoxe ao goberno para reclamar que se reforce a presencia de barcos succionadores de fuel na boca das Rías Baixas. Nun escrito dirixido ao vicepresidente do Goberno, Mariano Rajoy, o alcalde vigués explica que ten informacións contrastadas da presencia de grandes masas de fuel fronte á ría de Vigo que o vento podería empurrar nun prazo breve de tempo cara a costa. Castrillo opina que a loita contra a marea negra é máis efectiva en alta mar, polo que considera imprescindible que acudan á zona máis barcos succionadores que retiren o fuel da auga antes de que acabe na nosa ría.

Castrillo sinala na súa carta que “non se pode fundamentar toda a protección das rías no esforzo sobrehumano dos mariñeiros que combaten o chapapote con medios artesanais e moita vontade”.

Por outra parte, nas últimas horas unha nova mancha de fuel cubriu a praia de Figueiras, nas Cíes. Os voluntarios enviados polo Concello e forzas da Armada traballaron durante todo o día para limpala. Mañá acudirá ás Cíes un novo grupo de voluntarios inscritos na Oficina Municipal de Voluntariado.