Lois Castrillo afirma que os traballos de limpeza da marea negra durarán meses
O alcalde de Vigo asegurou que os traballos de limpeza da marea negra van durar meses. Lois Castrillo dixo que os informes técnicos de que dispón indican que aínda pode chegar máis chapapote ás nosas costas. Por iso pediulle aos voluntarios que non acudan ao litoral de forma desordenada e que o fagan organizadamente. O Concello segue apuntando voluntarios a través da Oficina Municipal de Voluntariado e das organizacións colaboradoras como ERVA, Adega ou a Federación de Veciños. As persoas que figuran nesas listas son chamadas por orde para participar nas tarefas de limpeza das illas Cíes.
Hoxe o Concello enviou 150 voluntarios equipados para traballar nas Cíes. Alí se encontraron con varios centos de integrantes das confrarías de pescadores de Vigo e do Morrazo aos que o concello vigués repartiu luvas e mascariñas, ademáis de 500 bolsas con comida e bebida.
O Concello de Vigo tamén enviou a Baiona 200 equipos de limpeza, atendendo á solicitude do municipio daquela localidade, que se viu desbordado pola presencia de voluntarios.
Ante a dificultade, cada vez maior, de atopar material, o alcalde pide a solidariedade de empresas e particulares de todo o estado, aos que se lles piden traxes e botas de auga, bolsas de plástico resistentes, mascariñas e luvas.