Escoitar

O museo Quiñones de León organiza unha exposición de escolares con motivo da doazón do pazo á cidade

mércores, 11 dec 2002
imx2111.jpg
Programa
O Museo Municipal Quiñones de León organiza un programa de actividades dirixidas a nenos e nenas de oito e nove anos con motivo do aniversario da doazón do pazo de Castrelos ó pobo de Vigo. O programa ”Feito con Maiúsculas” intenta fomentar a participación dos escolares vigueses no museo municipal e mais particularmente para que coñezan a doazón do pazo de Castrelos á cidade polo marqués de Alcedo. O feito aconteceu o 12 de decembro de 1924 o que supuxo de facto o nacemento do museo municipal doce anos máis tarde, no ano 1937.

O programa realizarase dende o día 12 de decembro ata o 26 de xaneiro de 2003. Ás 10 horas do día 12 inaugurase o programa coa apertura da exposición ”Como ven o seu museo os nenos e nenas de Vigo” na sala de exposicións temporais. Para a exposición escolléronse obras pintadas e modeladas polos escolares das visitas realizadas ó museo.

Segundo o director do museo, José Ballesta, na exposición ”atopámonos breves pezas de enxeño estimulantes pola súa frescura e a súa espontaneidade. As nenas e nenos fíxanse nos xardíns, imaxinan con liberdade e fantasía o pazo, vitrinas, cadros do museo... e relacionan case sempre a visita coa súa propia experiencia vital”.

Organízanse tamén obradoiros de traballos manuais e actuacións teatrais sobre os acontecementos sucedidos en torno á doazón fundamentalmente sobre os encontros entre o marqués de Alcedo e o alcalde Gregorio Espino a cargo de Popín Espectáculos.
Descargar todas as imaxes