Escoitar

O Concello subvenciona cun millón de euros a creación de emprego en entidades sen ánimo de lucro

A Xunta de Goberno Local aprobou o outorgamento das subvencións a 67 entidades veciñais, deportivas, sociais e asistenciais ou empresariais que poderán contratar con esta axuda a persoal para desenvolver a súa actividade. O alcalde destacou que no ano 2015 se contrataran 155 persoas en virtude deste programa de xeración directa de emprego, un obxectivo ao que o Concello dedica 2,6 millóns de euros.

martes, 23 ago 2016
A Xunta de Goberno Local vén de outorgar as subvencións para o fomento do emprego en entidades sen ánimo de lucro para o ano 2016 por un importe de 1 millón de euros que beneficiará a 67 entidades que, segundo explicou o rexedor, verán apoiada a contratación de persoal para poder desenvolver as súas actividades. No ano 2015 foron 55 as entidades sen ánimo de lucro que recibiron estas subvencións, que lles permitiron contratar a 155 persoas.

Así, recibirán axuda municipal 13 entidades veciñais viguesas, 31 entidades sociais e asistenciais de diferente tipo entre as que se atopan FADEMGA, a Asociación Viguesa de Alcoholoxía, a Asociación de Mulleres Progresistas, a Federación Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galicia, Down Vigo, Asociación Autismo Vigo, AVEMPO, a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental -DOA ou APAMP (Asociación de Familiares de Persoas con Parálise Cerebral, tal e como citou o rexedor. Serán beneficiarias do programa tamén organizacións sindicais, 13 entidades empresariais de diferentes ámbitos e oito entidades deportivas que poderán contratar a técnicos ou persoal de apoio, especialmente no deporte base, entre as que están a a S.R. Casablanca, o Club Esgrima El Olivo, o Club Ciclista Vigués ou o Balaídos C.F. Ademais, o alcalde salientou a importancia de que tamén sexa receptora da axuda municipal a Mancomunidade de Montes de Vigo que "durante todo o ano pode ter contratadas a 25 persoas con recursos do Concello para manter o monte limpo".

Segundo expuxo Caballero, o seu goberno destina 2,6 millóns de euros á xeración directa de de emprego a través de programas como os coidadores de barrio, o convenio con Citroën ou Conxemar, convenios con asociacións de comerciantes, axudas á creación de empresas e a mozos emprendedores e iniciativas de coworking, xunto aos "30 millóns de euros anuais" de creación de emprego indirecto a través da obra pública.