Escoitar

O Concello inicia as obras no Auditorio Mar de Vigo para acoller a UNED e unha gran sala de lectura

Abel Caballero deu conta esta mañá de luns do inicio dos traballos que permitirán que o Auditorio Mar de Vigo acolla a sede da UNED en Vigo así como a "maior sala de lectura da cidade". A Deputación de Pontevedra é a administración que sufragará estas obras, orzamentadas en 466.000 euros, ás que hai que sumar outros 200.000 euros para dotación de mobiliario.

luns, 22 ago 2016
As obras consistirán na adecuación das plantas cuarta, quinta e sexta do Auditorio Pazo de Congresos, sito na Avenida de Beiramar, como aulas, despachos, salas de reunións e de conferencias e aula de estudo. Alí estará emprazada o maior espazo de lectura da cidade, con 450 postos, segundo asegurou o primeiro edil. O proxecto, engadiu Caballero, se sufraga en virtude cun convenio coa Deputación de Pontevedra, un acordo que contempla ademais que a administración presidida por Carmela Silva achegue outros 200.000 euros para a dotación de elementos, útiles e mobiliario.

Abel Caballero recordou que Vigo conta xa con trece titulacións da UNED e avanzou que, de cara ao vindeiro curso 2017-2018, se solicitará impartir outras oito carreiras. Nestes momentos, detallou, as titulacións en marcha son as seguintes: Dereito, Enxeñería en tecnoloxías da información, Enxeñería informática, Turismo, Educación Social, Estudos ingleses, Administración e dirección de empresas, Ciencias Ambientais, Psicoloxía, Ciencia Política e da Administración, Pedagoxía, Xeografía e Historia e Historia da Arte.

Antes de rematar a súa comparecencia, Caballero felicitouse polo establecemento da UNED na cidade porque Vigo era a única cidade española dun tamaño similar sen universidade a distancia, puntualizou.