Escoitar

O Concello propoñerá á Xunta realizar un estudo conxunto do sistema de adscrición do alumnado aos centros de secundaria

Tras manter un encontro con representantes de FOANPAS e da ANPA do CEIP Balaídos, Abel Caballero criticou que a Consellería de Educación "queira enviar a nenos e nenas a centros afastados" do seu lugar de residencia, considerando que debe aplicarse o criterio de proximidade, algo que xera preocupación nas familias e na comunidade educativa.

venres, 19 ago 2016
1471608842ceipbalaidos.jpg
O alcalde recibiu este venres a representantes de FOANPAS e da ANPA do CEIP Balaídos para abordar os problemas que están xurdindo co cambio de centro do alumnado dende a ensinanza primaria aos centros de secundaria.

Segundo lle explicaron ao rexedor, ata agora a adscrición dos centros facíase aplicando criterios de proximidade ás escolas de primaria que, no caso do CEIP de Balaídos supoñía cursar secundaria no Alexandre Bóveda, un centro que tamén lle correspondía ao alumnado do CEIP Castelao de Navia. Pero a Consellería de Educación comunicoulles, segundo apuntou Caballero que "quere enviar aos nenos e nenas destes dous centros a lugares moi afastados da súa residencia como Valadares ou Beade" algo que "non nos entusiasma", poñendo como exemplo dos efectos negativos da decisión o tempo que debe pasar o alumnado viaxando no autobús, polo que considera que debe aplicarse o criterio da racionalidade para adscribilos a un centro de ensino secundario próximo.

Abel Caballero reiterou que "non nos gusta nada a proposta de traslado da Xunta desde Balaídos e Navia a lugares afastados" polo que lle propón á Xunta un "intercambio de opinións e realizar un estudo conxunto do sistema de ubicación do estudantado dos centros públicos de ESO en toda a cidade", para o que, dixo, queda de prazo ata o mes de febreiro, que é cando os nenos e nenas deben solicitar a súa praza no ensino secundario e advertiu que dende o Concello "non queremos toparnos con feitos consumados e con familias moi preocupadas porque os seus fillos deben ir a unha enorme distancia da súa residencia".
Descargar todas as imaxes