Escoitar

Caballero di que as 24 horas de Vigo, a fin de semana en Castrelos, amosan o "atletismo total"

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou esta mañá a terceira edición das 24 horas de Vigo, unha carreira popular no parque de Castrelos que 60 atletas, quince máis que o ano pasado, correrán de forma individual esta fin de semana do 27 e 28, e que máis de 700 farano en 60 equipos. Ao mediodía do sábado comezará a competición, cuns 800 participantes.

luns, 22 ago 2016
1471870770carrera.JPG
"É un evento que dende o Concello nos gusta de xeito especial, é unha grande proba atlética e unha forma de entender o atletismo total", subliñou Caballero, que estivo acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, organizadores do Club Castrelos 20:30 (José Vidal, Bernardino Mata, Ana Andrés e Eusebio Alén) e polo director de operacións de Máis que Auga, Francisco Cortegoso.

Esta competición, na que os atletas corren 24 horas sen descanso (de modo individual) tentando acadar o meirande número de quilómetros, ou por relevos (equipos), esperta a admiración do rexedor: "Poucas probas hai de máis dureza que esta en ningún ámbito. É un esforzo total e superlativo coma nunca vin", explicou, e lembrou que o ano pasado, tras saudar á gañadora ("estaba esgotada pero coa sensación da euforia da vitoria"), volveu a vela na entrega de medallas, quince minutos despois, "e volvina a saudar, toqueina... e díxome "non me deas así que me caio". Tiña tal extenuación e tal agarrote muscular que se sentía incapaz de estar en pé". Con este exemplo quixo incidir no "esforzo excepcional" dos participantes en "unha proba sublime".

O xefe do goberno municipal, que destacou que o Concello xa premiou o ano pasado a primeira edición de 2014, como "a proba máis novedosa e orixinal das que se organizaron na cidade", felicitou ao club por acadar de novo o tope de inscritos.

Bernardino Mata, en representación do Castrelos 20:30, manifestou que "o que parecía hai dous anos e medio unha tolemia chega á súa terceira edición" e anunciou que o desexo da entidade deportiva é "consolidar o proxecto" e "en Castrelos, un lugar emblemático".

Mata celebrou o incremento de equipos mixtos sobre 2015 (de 25 a 36) e que "case un 27% dos atletas sexan mulleres". Ademais, asegurou que tanto de forma individual como en grupo, as 24VGO son "moi duras".

O Castrelos 20:30, que apoia o proxecto solidario Discamino (axudar a persoas con discapacidades a facer o Camiño de Santiago), apuntou que haberá atletas a prol de Down Vigo, outros pretenden facer visible a ELA, amostrando o lado máis solidario do atletismo.
Descargar todas as imaxes