Escoitar

O Concello mellora a iluminación no estadio de Balaídos, superior á da tempada pasada

Hoxe luns comeza a Liga no estadio municipal de Balaídos cunha luz "un 30% mellor" á da tempada anterior. Así o asegurou esta mañá Abel Caballero en rolda de prensa, quen avanzou que a remodelación do campo -orzamentada en 32 millóns- incluirá a nova iluminación 4D.

luns, 22 ago 2016
A Liga de Fútbol Profesional arranca hoxe luns no estadio municipal de Balaídos co partido entre o Celta e o Leganés, encontro que se disputará cun sistema de iluminación "moito máis potente que o da tempada pasada", asegurou Abel Caballero, "e iso que é provisional".

O alcalde indicou que a renovación integral do coliseo vigués continúa en marcha e a "bo ritmo", está orzamentada en 32 millóns de euros -sufragado practicamente na súa totalidade polo Concello e a Deputación- e incluirá iluminación 4D, un novo requirimento para os partidos internacionais que será tamén de obrigado cumprimento para a próxima tempada de Liga e do que xa dispoñen os estadios do Real Madrid, o FC Barcelona e o Atlético de Madrid.

Caballero explicou que este requisito non existía no momento no que se redactou o proxecto de remodelación do estadio vigués e vaise engadir ao mesmo. A modo de exemplo, afirmou que o nivel de luminosidade no estadio a tempada pasada roldaba os 900 luxes e, na tempada que vén, debe chegar aos 3.500. De todas formas, o rexedor vigués recalcou que "a iluminación de hoxe é un 30% mellor á da tempada pasada".