Escoitar

O alcalde proporá que o Consorcio da Zona Franca intensifique a súa acción inversora na cidade

Entre outras propostas, Caballero reclamará a construción dun aparcadoiro no parque industrial de Balaídos, ademais de adiantar a este ano a ampliación deste espazo. Tamén reclamará a aceleración das obras do PTL para que se poidan instalar empresas como IKEA ou Leroy Merlin.

martes, 19 xul 2016
O alclade avanzou a presentación dunha moción no Pleno de Zona Franca de mañá mércores para que o Consorcio constrúa un aparcamento no parque industrial de Balaídos. A normativa actual, engadiu, esixe contar cun número de prazas que nestes momentos non existen. Ademais, argumentou, o Concello está a punto de elaborar un plan de recuperación integral do Lagares que imposibilitaría seguir aparcando nos aledaños. A segunda moción que mañá sometará á votación o rexedor proporá que se adopten as medidas necesarias para velar polo cumprimento dos Estatutos e o Regulamento Orgánico da Zona Franca, dado que a delegada especial do ente estatal non ten delegadas as funcións de representación do Consorcio, que lle corresponden ao presidente.

En declaracións aos medios, Caballero avanzou que tamén vai solicitar a ampliación do PTL, que precisa de base urbanística xa que nestes momentos aínda está con planeamento de desenvolvemento. Na súa opinión, Zona Franca debe solicitar a aplicación da Lei 3/2016 para que se poidan asentar empresas como IKEA ou Leroy Merlín e criticou que "xa está ben de retrasar espazos que son tan importantes para a economía do territorio". Na mesma liña, tamén avogarán por adiantar a 2017 a ampliación do polígono de Balaídos, que nos orzamentos do ente estatal figura en 2018. Neste punto, engadiu, a Zona Franca tamén tería que solicitar a chamada Lei Vigo.

Por último, Caballero explicou que prantexarán que os 5,5 milllóns de euros que o Consorcio "lle quere regalar á Xunta adquirindo uns edificios na ETEA que logo cederá á Universidade" os asuma directamente a administración autonómica. Na súa opinión, a Zona Franca non debe usar diñeiro de Vigo para costear compromisos ou obrigas da Xunta.