Escoitar

O Concello valida o programa que garante a auga a familias en risco de exclusión social

O goberno de Vigo aprobou o convenio con Aqualia polo que se adican 30.000 euros para asegurar o subministro de auga a persoas en risco de exclusión social. Así o anunciou este luns Abel Caballero, quen detallou que a axuda económica ascenderá a un máximo de 100 euros durante seis meses.

luns, 11 xul 2016
O alcalde de Vigo informou este luns da aprobación, en Xunta de Goberno Local, do convenio de colaboración con Aqualia -a concesionaria do servizo da auga na cidade- para garantir o abastecemento a veciños en risco de exclusión social.

O orzamento para o que resta de ano ascende a 30.000 euros, con cargo a Aqualia, indicou Caballero, e o importe da axuda ás familias será de ata cen euros durante un máximo de seis meses. O rexedor recordou que a auga non se lle corta a ningún usuario por motivos económicos e aclarou que este programa servirá para eximir do pago a aquelas familias que non estean en condicions de satisfacer un plan de pago. Caballero expuxo que, aos usuarios con dificultades de pago, se lles oferta un plan de pagos adaptado ás súas capacidades.