Escoitar

O alcalde traslada o pesar da cidade polo pasamento de Vázquez Gil, cronista oficial

Abel Caballero trasladou este martes o pesar e o pésame á familia de Lalo Vázquez Gil, o cronista oficial da cidade, falecido recentemente. O rexedor lamentou a perda dun "gran vigués, un bo amigo, comunicador e observador da cidade", mais valorou que "permanece a súa obra, o seu traballo e a súa amizade".

martes, 21 xuñ 2016
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, amosou este martes "o noso pesar" e trasladou o pésame á familia de Lalo Vázquez Gil, cronista oficial da cidade, falecido recentemente.

Caballero definiu a Vázquez Gil como unha "persoa que estivo sempre ao servizo de Vigo, permanentemente no ámbito da difusión do coñecemento da cidade, da nosa traxectoria". "Perdemos un gran vigués, un bo amigo, cronista oficial, comunicador e observador da cidade", apuntou o alcalde, quen valorou que en Vigo "permanece a súa obra, o seu traballo e a súa amizade".

Lalo Vázquez Gil falecía días despois do pasamento de Antonio Quesada: "os dous eran bos amigos desta cidade, grandes vigueses que nos deixan", lembrou o alcalde. "Parecera que Quesada e Vázquez Gil quixeran irse xuntos", concluíu.