Escoitar

Fernández del Riego recibe unha homenaxe do Concello no seu aniversario

martes, 7 xan 2003
imx2190.jpg
Del Riego e Príncipe
A Concellería de Cultura rendeu homenaxe, na Casa Galega da Cultura, a Francisco Fernández del Riego con motivo do seu 90 aniversario. Os actos consistiron na inauguración da mostra ”Unha lenda viva” e na presentación da publicación titulada ”Desde a miña fiestra”. O concelleiro Carlos Príncipe destacou ”a traxectoria vitalista de don Paco que representa o galeguismo progresista e o viguismo universal”.

Carlos Príncipe cualificou a personalidade de Fernández del Riego como integrada ”na paisaxe urbana de Vigo que forma parte da historia sentimental da cidade”.

Fernández del Riego explicou que ”resulta gratificante este acto de homenaxe á lonxevidade cunha vida consagrada a Galicia, á historia e á cultura”. Tras realizar un percorrido pola historia vivida na cidade de Vigo, Del Riego indicou como se incorporou á dinamización da sociedade mediante a docencia, a industria das artes gráficas e o cultivo do labor editorial a través da Biblioteca Penzol na faceta cultural.

A mostra poderá verse do 7 de xaneiro ao 2 de febreiro na Casa Galega da Cultura.

Francisco Fernández del Riego

Naceu en Vilanova de Lourenzá (Lugo) e reside en Vigo. Cursou Dereito e Filosofía e Letras en Santiago e Madrid. Foi profesor de Dereito Civil na Universidade de Santiago.

Rematada a Guerra civil trasladouse a Vigo, onde participou na fundación da “Editorial Galaxia” na que foi nomeado secretario. Codirixiu, xunto con Ramón Piñeiro, a revista “Grial”, durante os primeiros 25 anos da publicación. En 1963 fíxose cargo da dirección da Biblioteca Penzol. Autor de numerosas publicacións, é o impulsor de moitas actividades culturais. Tamén desempeñou durante estes anos a Xerencia da Empresa “Artes Gráficas Galicia”. En 1997 foi nomeado presidente da Real Academia Galega.

Recibiu, entre outros, os premios Medalla Castelao, Pedrón de Ouro, Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo, Insinia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela, Medalla da Cidade do Concello de Vigo...

Fernández del Riego é, na actualidade, un dos personaxes históricos máis senlleiros das Letras Galegas.
Descargar todas as imaxes