Escoitar
As carrozas inclúen unha simulación de marea branca

Os Reis Magos percorren Vigo nunha cabalgata futurista

venres, 3 xan 2003
imx2189.jpg
Abelairas no trono real
Novos deseños e elementos futuristas caracterizan as carrozas nas que este ano os Reis Magos percorrerán a cidade. A caravana de 32 elementos converte a de Vigo nunha das maiores cabalgatas do país. A recepción oficial ás Maxestades de Oriente celebrarase o domingo, 5 de xaneiro, ás 18:30 horas na praza do Rei, pero a visita dos Magos terá principiado moito antes: na mañá do mesmo día, acudindo a varios asilos e centros sanitarios.

Melchor, Gaspar e Baltasar principiarán o seu itinerario ás 10:00 horas no Centro Médico Povisa, trasladándose ás 11:00 ó complexo hospitalario Xeral-Cíes e ás 12:00 horas ao hospital Nicolás Peña. Posteriormente visitarán a Casa de Acollida, e rematarán o seu paseo matutino na residencia das “Hermanitas de los Ancianos Desamparados”.

Na recepción oficial participarán os nenos gañadores do concurso de redacción “Unha morea de desexos”, Sandra Vázquez Sueiro, Enma Lago Fernández e Andrés Requejo Fernández que lerán as súas composicións antes de subir ás carrozas reais.

A concelleira de Festas e Animación Sociocultural, Isaura Abelairas presentou o venres as carrozas do desfile, cualificándoo como “un dos mellores de España”.

Un total de 32 elementos, 18 deles carrozas, compoñen a comitiva real, que respecto a outros anos presenta a novidade dunha maior lonxitude dos soportes que pasa de 8 a 14 metros por coche. Ademais, predominan os tons metalizados e os deseños vangardistas, sen esquecer as alusións á recuperación da costa mediante a simulación de ondas de tea. “A idea é representar unha marea branca, que traia bens”, explicou Juanjo Rodríguez, responsable da empresa constructora.

Mentres dure o percorrido da cabalgata, numerosos paxes guindarán confeti ó público mediante 500 lanzadores importados de Hong Kong que proxectan os papeis a 15 metros de altura.

Os Reis e os seus axudantes repartirán seis toneladas de caramelos e globos aínda que chova, pois como asegurou a concelleira “a cabalgata sairá malia que caian chuzos”.

Asemade, establecerase na praza da Independencia un posto de emerxencias e de atención aos meniños perdidos. A vixilancia da seguridade dos asistentes contará co servicio de voluntarios de Protección civil e de Cruz Vermella, xunto ao persoal da organización e axentes das Policía local.
Descargar todas as imaxes