Escoitar

Ultímanse as obras de restauración do pazo-museo Quiñones de León

venres, 3 xan 2003
O pazo-museo de Castrelos concluiu unha primeira fase de obras de pintado, aplicación de tratamento anti-carcoma e reparación de cubertas. O servicio de desinfección do Laboratorio municipal, dependente da Concellería de Sanidade, foi o encargado da realización deste traballo baixo a supervisión dunha restauradora de arte.

O pintado do segundo andar do inmoble e da escaleira secundaria contou cun orzamento de 12.000 euros. Unha brigada do servicio de desinfección aplicoulle un tratamento á estructura e ás dúas torres do pazo para garantir a súa conservación en óptimas condicións. A mediados do mes de decembro pasado este grupo tivo que interromper estes labores para colaborar na recollida de fuel das illas Cíes, polo que proximamente proseguirá co traballo de eliminación de patóxenos aloxados no edificio. Os materiais para efectuar este tratamento tiveron un custo de 16.000 euros. Foi necesaria tamén a contratación dunha restauradora de arte para a supervisión de productos e técnicas utilizados e asesoramento para trasladar as obras. Nesta contratación da especialista investíronse 1.856 euros.

A reparación das cubertas do edificio, en fase de realización, conta cun orzamento de 14.000 euros. Esta obra de mantemento é necesaria debido á antigüidade do edificio. A organización dos depósitos de obras de arte realizarase proximamente para o seu tratamento axeitado de cara a proceder ao seu traslado ao Museo de Arte Contemporánea.

Os interesados en visitar este museo poderán coñecer as salas do baixo e primeiro andar, xa que o segundo piso aínda permanece pechado por mor das obras de mellora do inmoble.

MÁIS INFORMACIÓN